[Galego]
"Edificouse entre 1103 e 1117 e contén, ademais dos relevos románicos orixinais, outros procedentes dunha porta que nunca se chegou a edificar e da fachada do Paraíso. A fachada das Praterías sufriu un incendio en 1117 durante un ataque dos burgueses contra Diego Xelmírez e outro nas mediadas do século XV. En 1884 Antonio López Ferreiro colocou nesta portada unha serie de estatuíñas que procedían do coro do Mestre Mateo.
A fachada das Praterías debe o seu nome aos obradoiros de prata que existían no lugar.
No tímpano da porta esquerda aparece o Cristo tentado por un grupo de demos. Nas xambas aparecen Santo André e Moisés. No contraforte esquerdo, o bíblico rei David sentado no seu trono coas pernas cruzadas translucidas a través da fina tea da súa roupa e tocando unha viola, personifica o triunfo sobre o mal sendo unha obra destacada do románico esculpida polo Mestre de Praterías, a creación de Adán e Cristo abenzoando. Todas estas figuras proceden da fachada románica norte ou do Paraíso (actual fachada da Acibechería) e foron colocadas nesta fachada no século XVIII.
No tímpano da porta dereita aparecen varias escenas da paixón de Cristo. Nunha das xambas aparece a inscrición que conmemora a colocación da primeira pedra: ERA / IC / XVI / V IDUS / JULLII (11 DE XULLO DE 1078). Unha imaxe, non identificada, sobre un raposo que engole unha lebre e, fronte a esta, unha muller mal vestida cun animal no colo, proceden doutro lugar. Apoiadas no muro da torre da Berenguela aparecen outras imaxes que representan a creación de Eva, Cristo nun trono e o sacrificio de Isaac.
Das once columnas inferiores desta fachada, tres son de mármore (a central e as extremas) e o resto de granito. Na central aparecen as figuras de doce profetas e nas laterais os apóstolos.
Para o friso tamén se aproveitaron algunhas das figuras da porta da Acibechería. Dous leóns, sobre os que repousa un crismón e unha figura descoñecida, apóianse sobre a columna central. Nun medallón aparece o Pai Eterno (ou a Transfiguración), coas mans abertas e rodeado por dous anxos que tocan cornos. No centro do friso aparece Cristo abenzoando acompañado do apóstolo Santiago e de seis figuras máis, as colocadas por Antonio López Ferreiro. Tamén aparecen Santo André, a Virxe e máis o Neno e catro apóstolos e un anxo. Á dereita de Santiago está San Xoán, unha escena da expulsión de Adán e Eva do Paraíso e outras figuras soltas, incluído un centauro.
O friso sepárase do corpo superior por un tornachoivas sostido por canzorros grotescos. As dúas xanelas están adornadas por arquivoltas. Os arcos interiores están descentrados por causa das reformas realizadas no século XIII. Á esquerda hai unha grande cuncha que sostén a escaleira de acceso ao primitivo tesouro.
Orixinariamente había dúas torres románicas a ambos os dous lados desta fachada (só se conservan os alicerces dunha delas, sobre a que se ergueu a Torre do Reloxo) e o tema da portada era o do Mesías."
From: (
visit link)
[EN]
"Built between 1103 and 1117 and contains, in addition to the original Romanesque reliefs, others coming from a door that was never built and the facade of Paradise. The facade Praterías suffered a fire in 1117 during an attack against the bourgeois Diego Gelmírez and another mediated in the fifteenth century. In 1884 Antonio Lopez Ferreiro put this cover a number of figurines which came from the choir of Maestro Mateo."
Translated from: (
visit link)